Imprimir esta páxina
07
Marzo

O “Mar non ten cancelas” presenta a súa candidatura ás primarias de En Marea

Preséntase unha lista con representación das diferentes sensibilidades políticas que conforman En Marea, e "cunha especial defensa do traballo dos movementos sociais en defensa do público"

Na mañá de onte Mary Camiña, candidata para o senado, e Iris Malvido, Manuel Moreira e Tere Pérez, candidatas ó congreso, presentaron en Vigo, a candidatura ás primarias de En Marea das que sairán elexidas as representantes para o Congreso e o Senado pola provincia de Pontevedra.

 



A pre-candidata para o Senado, Mary Camiña, apuntou a necesidade de que o Senado “deixe de ser un mero refuxio de persoas apartadas da primeira liña da política, e cumpra como cámara de representación territorial, tal e como lle corresponde”. Dada a súa vinculación cos movementos sociais, considera esencial a existencia de En Marea, “un espazo político transversal onde collemos todas, un espazo político que chegue con forza ás institucións do Estado e mire polo ben común de todos os galegos e galegas”.

 



Iris Malvido sinalou que é "inédito" que a segunda forza política do país faga primarias abertas á cidadanía, ónde calquera puido incribirse e presentarse. Como muller e moza mostrouse optimista acerca do futuro, entendendo que “a sociedade galega ten as ferramentas para mudar a situación, ter voz en Madrid e continuar un proceso de construción colectiva dunha realidade máis xusta para mozas e maiores, unha realidade que permita xerar riqueza, unha realidade máis igualitaria e que defenda unhas pensións dignas, unha sanidade e unha educación públicas e de calidade”.



 

Manuel Moreira, sinalou o seu compromiso con esta candidatura, construída "desde Galiza e para Galiza", para apoiar un proxecto "ético e radicalmente democrático" nacido no "Mar de Vigo" para defender "os intereses de Galixa e da súa maioría social". “Necesitamos levar ás institucións o traballo que se está a facer nos movementos sociais en defensa do público: sanidade, ensino, pensións, servizos sociais, etc”.

 

Tere Pérez, Movemento Salceda, que participa no goberno municipal, no cal levan gobernando 12 anos, "reparando todas as desfeitas cometidas polos anteriores 32 anos de goberno do PP" apuntou a En Marea como "a casa común na que todos e todas temos cabida e a necesidade de facer país traballando dende cada vila e cada pobo".

 

Valora agora
(1 Vote)