Imprimir esta páxina
29
Junio

O Sergas ofertará 129 prazas para a formación de médicos de familia

O incremento de prazas MIR forma parte dos compromisos incluídos no Plan galego de Atención Primaria

O Servizo Galego de Saúde ven de trasladar ao Ministerio de Sanidade a maior oferta de prazas para a formación de profesionais especialistas de atención primaria da súa historia. Na comparativa da nova convocatoria actual coa do ano anterior, rexístrase un incremento importante na formación para as especialidades de pediatría, medicina de familia e enfermería familiar e comunitaria que se financiarán ao 100% polo Sergas.

En concreto, o Sergas prevé ofertar un total de 129 prazas para a formación de médicos de familia, é dicir, 24 prazas máis que en 2018 o que supón un incremento do 22,8%.

Con respecto de pediatría, o Sergas plantexa ofertar 27 prazas. Esta oferta incrementaría nun 35% á do ano anterior, con sete prazas máis. As prazas de formación desta especialidade non se incrementaban dende 2013.

Tamén as prazas de enfermería familiar e comunitaria rexistran un aumento. Nestas categorías en concreto, o Sergas solicita a formación de 34 profesionais desta especialidade, isto é, un 61,9 % con respecto ao ano anterior, cando se ofertaron 21 prazas.


Plan de Atención Primaria de Galicia

Con este aumento de prazas na convocatoria MIR para 2019-2020, o Servizo Galego de Saúde está a dar cumprimento a un dos compromisos acadados no Plan Galego de Atención Primaria recentemente aprobado e que axudarían a paliar a escaseza de facultativos nalgunhas especialidades, das que nin sequera hai profesionais apuntados nas listas de contratación.

Con esta oferta de prazas MIR, a maior realizada pola nosa comunidade na súa historia no que a profesionais especialistas de atención primaria se refire dase un paso máis na procura de solucións ante falta de facultativos.
 

Valora agora
(0 votos)