Imprimir esta páxina
17
Julio

Os participantes no Campamento de Un Máis visitan o Centro de Interpretación “Tui, Camiño de Santiago”

O alumnado obradoiro de emprego “Percorre Tui” foron os guías dos nenos e nenas que están a participar no campamento inclusivo da Asociación Un Máis. Nas explicacións axudáronse de pictogramas

Alumnado da especialidade de “Promoción turística local e información ao visitante”  do obradoiro de emprego “Percorre Tui”  realizaron ao longo da mañá de onte varias visitas guiadas para os nenos e nenas de 4 a 18 anos que están a participar no campamento inclusivo que dende comezos de mes imparte a Asociación Un Máis.  No campamento están a participar 25 nenos e nenas, dos que 13 teñen TEA, xunto a voluntarios e monitores.


Tratouse dunhas serie de visitas moi especiais, e en grupos reducidos, nas que os guías, cunha linguaxe sinxela e apoiados por pictogramas, explicaron aos pequenos visitantes as características do Centro de Interpretación “Tui, Camiño de Santiago” situado no antigo convento de San Domingos.  Así puideron coñecer algunhas pinceladas da historia do edificio, percorrendo o seu interior, como o claustro dende onde admiraron o campanario da igrexa de San Domingos, e tamén as caixas luz que ilustran cada unha das etapas até Santiago. Precisamente para esta ocasión colocáronse ademais fotografías das visitas que os participantes no campamento de Un Máis realizaron xa a algúns puntos do Camiño como a Catedral de Tui, O Porriño ou Redondela.  No remate entregáronlles e seláronlles a Credencial de Visita ao Centro de Interpretación, convidándoos a realizar un debuxo daquilo que máis lles gustou durante a visita.


A concelleira de Emprego e Formación, Ana Mª Núñez, e o concelleiro de Turismo e Patrimonio, Laureano Alonso, acompañaron ao primeiro grupo que participou nesta iniciativa que busca tamén formar dende a sensibilización á diversidade ao alumnado do obradoiro. O director do Obradoiro, Rodolfo Villalba, explicou precisamente que entre as actividades que levan a cabo no obradoiro está o deseño e promoción de rutas no municipio, polo que consideraron axeitado realizar esta actividade de inclusión.  Ana Isabel Vila Pereira, directora e psicóloga de Anarela e coordinadora do Campamento, salientou o positivo desta actividade que espertou o interese entre os cativos e cativas.

Valora agora
(0 votos)