Esta mañá celebrouse a clausura do Obradoiro Municipal de Emprego Mos Rehabilita que tivo lugar no lavadoiro do Río en Tameiga, coa participación dos cativos do campamento estival ‘Mañás de Verán’, aos que dous maiores, Charo García González –veciña da zona- e o historiador mosense Javier Baquero Rotea, explicáronlles a historia e a utilidade tradicional do lavadoiro restaurado polos alumnos e alumnas traballadraes do Obradoiro de Emprego Mos Rehabilita.
Ata alí se achegaron o Delegado Territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ignacio López-Chaves, o Xefe Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria, Ignacio Rial Santomé, a Alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o Concelleiro de Promoción Económica, Emprego e Novas Tecnoloxías, Óscar Soto, o Concelleiro de Medio Ambiente, Limpeza, Parques, Xardíns e outros servizos, Cándido Pérez, os 20 /as alumnos/as-traballadoresdo Obradoiro Municipal de Emprego Mos Rehabilita, os 5 membros do equipo docente do Obradoiro (entre os que se aopaba o seu director, Adolfo Martínez Latorre), 45 nenos e nenas do campamento municipal ‘Mañás de Verán’ e veciñanza do lugar do Río, na parroquia de Tameiga.
Os 20 alumnos e alumnas do Obradoiro de Emprego Mos Rehabilita acometeron, titorizados polos seus mestres un total de 15 actuacións, 7 das cales foron de recuperación e rehabilitación de lavadoiros coma o que hoxe acolleu o acto de clausura. Tamén se actuou na Fonte das Lagoas en Rexomil, parroquia de Guizán, e no parque de Cela, onde se fabricaron e instalaron barandas de seguridade.
O resto de obras acometidas foron a de rehabilitación da fachada do edificio municipal de Vías e Obras, e da cuberta dese mesmo edificio, así coma a fabricación e instalación de distintos elementos mecánicos no mesmo; traballos no edificio do Servizo Municipal de Emerxencias, fabricación de paneis informativos, e construción dunha aula de informática na Axencia de Colocación de Mos.
Durante os nove meses de duración do Obradoiro, que comezou o pasado 11 de outubro e remata hoxe, realizáronse obras e servizos de acabados de construción con novos materiais e fabricación mecánica.
O Goberno galego destinou a este taller, no que se formaron 20 desempregados nas especialidades de fabricación mecánica e albanelaría con novos materiais, preto de 280.000 euros.
Estes obradoiros, a través dos que os participantes reciben un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado, presentan na convocatoria actual varias novidades respecto á anterior, entre as que destacan a ampliación da duración dos programas xerais de 6 a 9 meses.