A parroquia de Tameiga está a ver feito realidade o importante proxecto de saneamento polo levan loitando dende o ano 2012. Complicacións co Ministerio de Fomento, coa Xunta de Galicia, co Consorcio de Augas do Louro e coas cesións demoraron unha obra de vital importancia que por fin se está a facer realidade.
Os traballos comezaron o pasado 3 de setembro e rematarán o 3 de decembro do presente ano 2018. Transcorrido un mes dende o seu inicio, as obras marchan a moi bo ritmo contando co 53% da instalación do colector principal realizada (son un total de 1.260 metros lineais dos que a data de hoxe se atopan acometidos 674 metros lineais) e co 32% da instalación dos colectores secundarios (ramais) realizada (son un total de 1.130 metros lineais dos que a data de hoxe se atopan acometidos 369 metros lineais).
A obra “Conexión do saneamento de Tameiga coa rede de colectores do Louro”, de imperiosa necesidade, requeriu que o Concello de Mos aprobara unha operación de préstamo. Esta obra, que fóra comprometida e ía ser financiada polo Consorcio de Augas do Louro (que incluso iniciara no ano 2016 o proceso de adxudicación á empresa construtora) pero que por un erro administrativo (de defectos na tramitación) do Consorcio, decidiuna asumir a administración local mosense; dada a urxencia da realización desta actuación e da premura e a demanda veciñal que existen sobre a mesma, segundo explica a propia rexedora local.
Xa no ano 2012, cando se estaba a redactar o proxecto, dende Fomento non llo autorizaron ao Concello debido a incompatibilidades co trazado da nova autovía Vigo-Porriño, que ao final modificouse. Polo que dende a administración local mosense lévase seis anos loitando para botar adiante este proxecto que agora dá o primeiro paso para facerse realidade.
O importe do orzamento final de adxudicación da obra ascende a 240.533,88 euros máis IVE.
397 vivendas beneficiarias desta obra
O ámbito de actuación sitúase na parroquia de Tameiga, no centro oeste do concello de Mos, seguindo o trazado da Autovía A-55. As obras consisten na execución de novos colectores de saneamento que amplían e melloran a rede municipal, dando servizo á citada parroquia de Tameiga, na que existen infraestruturas de saneamento fóra de servizo, por falta de conexión coa rede existente.
A nova rede de colectores por gravidade de PVC-315 mm, está formada por un colector principal de 1.260 m de lonxitude, cuxa traza discorre baixo a vía de servizo da A-55 e 1.130 m de ramais transversais de conexión. A nova rede permite a conexión e posta en servizo das infraestruturas existentes, como o colector que da servizo aos núcleos rurais de Caamaña e Seixo, o que recollerá as augas fecais do núcleo de Pazo-Madán.
O tramo central do colector principal, entre os pozos 32 e 35, discorre baixo a nova actuación que promove o Ministerio de Fomento no acceso do PK 10 da A-55, co fin de mellorar a seguridade vial.
O colector principal discorre por gravidade, salvo un tramo de 44 m, que permite elevar a auga desde o Pozo de Bombeo (á cota +167.70 m) ata o Pozo 37 (cota da rasante a +171m). O bombeo deseñouse para recoller por gravidade o colector proveniente de Pazo-Madán. O prazo de execución da obra é de tres meses.
Nos últimos anos nesta zona do concello de Mos, aumentouse a población nun 9%, e os núcleos rurais que poden conectarse á nova rede separativa de saneamento serían: Gándara, Seixo, Caamaña, Pazo-Madán e Levantada.
Realizando un reconto do número de vivendas existentes ás que se dará servizo, e multiplicando por un coeficiente corrector de 1,50, para considerar o máximo crecemento poblacional futuro, obtense un total de 397 vivendas beneficiarias desta obra. Considerando unha media de 3 persoas/vivenda, a poboación que se vai beneficiar
deste servizo básico é de case 1.200 persoas.