Imprimir esta páxina
Imaxe: cedida Imaxe: cedida
27
Noviembre

A concellería de Educación de Mos mantén "comunicación constante" coa dirección do Pena de Francia

Nidia Arévalo e Kely Monzón reuniranse o vindeiro 2 de decembro co conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, para determinar as medidas a adoitar no Colexio Pena de Francia

A concelleira de Educación mosense, Kely Monzón, reuniuse o pasado 21 de outubro coa Asociación de Nais e Pais do Colexio Pena de Francia; reunión na que lles comunicou ós membros da ANPA presentes que a semana seguinte mantería unha xuntanza co xefe territorial da consellería de Educación na provincia de Pontevedra, César Pérez Ares, ó igual que a edil ven facendo ó inicio de cada curso escolar.

No encontro mantido con Pérez Ares na xefatura territorial, Monzón trasladoulle a este "todas as necesidades do CEIP Pena de Francia que previamente lle foran comunicadas pola dirección do centro educativo", quen tamén estableceu entre ditas necesidades "cales eran as prioritarias".

Na xuntanza co xefe territorial tratáronse as principais necesidades do colexio, que foron establecidas pola ANPA e a dirección do centro, tales coma un almacén e un aulario para remediar os problemas de espazo do centro, a adecuación do edificio á normativa vixente dotándoo dunha saída de emerxencia no segundo andar, a renovación da carpintería exterior nas prantas primeira e segunda, a renovación do falso teito, a solución ó problema de grietas, independizar a caldeira da planta baixa e instalar un WC no patio.

Na reunión do pasado mes de outubro a concelleira de educación comunicoulle tamén á ANPA de Pena de Francia que dende o Concello de Mos se solicitara unha entrevista co conselleiro de Educación para trasladarlle a el persoalmente estas mesmas necesidades establecidas dende a dirección do centro.

Neste sentido Kely Monzón quixo puntualizar que "dende o Concello se ven solicitando dende fai tempo á consellería competente en materia de Educación o compromiso para poñer en marcha un plan estratéxico anual de actuación nos dous centros de Educación Primaria máis deteriorados no municipio e que son este mesmo de Pena de Francia e o CEIP de Atín". A idea e a pretensión municipal son que este plan garanta que as necesidades de ambas se vexan óptimamente cubertas durante cada curso escolar. Ademais Arévalo comprometérase durante esta xuntanza a acometer a conexión das instalacións do colexio á rede de saneamento, "obra que a propia ANPA determinou como a máis urxente, e que foi acometida e rematada o pasado setembro, cun custo de 50.000 euros para o Concello de Mos".

Dende o concello explican que ademáis durante o curso 2014/2015 o Concello de Mos realizou melloras no Colexio de Pena de Francia por importe de preto de 5.000 euros consistentes na acometida da cuberta da entrada principal, drenaxe da pista deportiva, melloras nas porterías e canastas, pintado das aulas, reparación do ascensor e instalación de aire acondicionado na aula multiusos.

As principais necesidades do Colexio de Atín, trasladadas ó xefe territorial o pasado 26 de outubro pola concelleira son a instalación de carpintería exterior de aluminio en todo o centro, habilitar a vivenda do conserxe como comedor escolar, o cambio dos falso teitos, acondicionamento da aula infantil pechada e a acometida dun novo acceso ó centro para o alumnado.

A concelleira mosense de Educación anunciou hoxe que acompañará á rexedora local a Santiago o vindeiro 2 de decembro para reunirse co conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e determinar entón as medidas a adoitar no Colexio Pena de Francia. Monzón quixo deixar claro ademais esta mañá que “a comunicación entre a concellería de Educación e Participación Cidadá que dirixo e a ANPA e a dirección do centro educativo é constante”.

 

Outros centros de Educación Infantil e Primaria mosenses

O mes pasado dende a concellería mosense de Educación trasladábase á xefatura territorial da consellería de Educación da Xunta de Galicia, ademais das necesidades dos colexios de Atín e Pena de Francia, as dos outros tres CEIPs do municipio: Petelos, CEIP Mestre Valverde Maio (Sanguiñeda) e CEIP Mestre Martínez Alonso (Castro-Mos).

Nestes casos as principais demandas refírense á necesidade de solucionar deficiencias na liña ADSL, melloras nas instalacións eléctricas, obras relativas ós comedores escolares, reformas nos patios exteriores, etc.

Modificouse o Viernes, 27 Noviembre 2015 01:04
Valora agora
(0 votos)