Imprimir esta páxina
18
Febrero

Arranca o ciclo de exposicións ‘En feminino. Sentimentos, vivencias e paisaxes’

A primeira mostra do ciclo organizado pola Fundación Pazo de Mos correrá a cargo de Alicia Sarmiento e estará aberta do 28 de febreiro ao 31 de marzo

Alicia Sarmiento, Malís, inaugurará a súa mostra titulada ‘Sentimentos e cores’ o vindeiro 28 de febreiro ás 19.30 horas, sendo a primeira do ciclo de exposicións ‘En feminino. Sentimentos, vivencias e paisaxes’ que albergará o Pazo de Mos ata o mes de xuño e que organiza a Fundación Pazo de Mos.

 

‘Sentimentos e cores’ de Alicia Sarmiento permanecerá aberta ao público ata o 31 de marzo. Sobre a súa pintura Sarmiento declara que “permíteme exteriorizar o interior da miña alma e plasmar en cada lenzo en branco meus sentimentos. Eles son os que manexan meus pinceis e usando o arco iris da paleta do meu estado de ánimo permítemme crear en cada unha das miñas obras unha persoal explosión de cor e vida”.

 

En maio chegará o turno de Raquel Rocha. Natural do Porto, é formada e apaixonada desde sempre polo deseño e ten como desafío de vida utilizar este xesto tan primitivo, simple e fráxil en toda a súa plenitude de expresión artística, elevando ao máis alto nivel, a compoñente complexa do amor.

 

A mostra ‘Atmosferas’ de Marta do Campo será no mes de xuño e sobre ela a artista declara que “baixo o título de ‘Atmosferas’ englobo unha serie de obras nas que a temática principal son as paisaxes e lugares de Galicia. A atmosfera dun lugar ven determinada por unha serie de factores que fan ese momento e lugar únicos. A hora do día, a estación do ano, as condicións atmosféricas e o estado de ánimo de quen observa fan ese momento irrepetible, e as sensacións e sentimentos que me producen e o que trato de plasmar nas miñas obras. A atmosfera e a alma dunha obra”.

Valora agora
(0 votos)