Imprimir esta páxina
02
Julio

Arévalo sobre os recibos falsos da auga: “Esta trama foi orquestada e organizada por GañaMos"

A alcaldesa de Mos, en base aos avances producidos na investigación, vinculou hoxe a Gañamos e á Comunidade de Montes de Tameiga, como responsables dunha "trama política" que tivo como colofón final o envío masivo de recibos falsos da auga á veciñanza mosense días antes das eleccións municipais.

Os investigados enfróntanse a un delito de falsedade en documento público e estafa


A investigación que está a desenvolver a Garda Civil sobre o envío masivo de recibos da auga falsos en Mos continúa arroxando datos sobre o acontecido. Ante os avances producidos na mesma e as últimas informacións oficiais, a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, compareceu hoxe ante os medios para dar respostas á veciñanza e aportar datos sobre a investigación do caso. "

 


“En primeiro lugar quero darlle respostas á veciñanza de Mos. Estou obrigada a facelo, a darlles toda a información que se merecen, porque intentaron burlarse deles”, dixo a rexedora e, insistiu en que “tamén quero responderlle aos que me pediron explicacións e me esixiron que ‘esclarecera canto antes este asunto’ do ‘suposto envío de facturas falsas’ que foron GañaMos e a Plataforma Auga e Vida que está formada por Traídas de Auguas e a Comunidade de Montes de Tameiga, e que ademais tivo o atrevemento de falar de ‘falsas acusacións e montaxe do Partido Popular’ e negou ‘rotundamente calquera vinculación’ ademais de esixirme que pedira desculpas públicamente cando isto de esclarecera”.  

 

“Pois ben, hoxe comparezo públicamente, non para pedir desculpas senón para dar resposta ao caso dos recibos da auga falsos, que se trata dunha trama política contra min, contra a alcaldesa de Mos, iniciada fai exactamente un ano”, sentenciou a alcaldesa.

 

Arévalo puntualizou que a trama á que fai referencia "incluiu a convocatoria de Asambleas na Comunidade de Montes de Tameiga e nas Comunidades de Augas, manifestacións, pancartas en vivendas (unha delas colocada nunha das casas das que partiron os recibos falsos), mentiras para xerar alarma social como que a auga de Pereiras estaba contaminada", e o colofón final previo ás eleccións: os recibos falsos.


Arévalo considera que “esta trama foi orquestada e organizada por GañaMos como brazo político da Comunidade de Montes de Tameiga e co beneplácito do PSOE e do BNG que non se posicionaron en contra”.


"En moitas ocasións GañaMos e a Plataforma Auga e Vida dixeron que o caso dos recibos falsos era unha montaxe e o voceiro de GañaMos, no seu perfil persoal de Facebook escribiu literalmente que era unha “factura pantasma”, unha “montaxe” e pediu para este tema “máxima transparencia e que non quedara no baúl do esquecemento”, continuou a rexedora.“Afirmacións moi graves que terán consecuencias. Non me vou quedar de brazos cruzados e próximamente anunciarei medidas esixindo responsabilidades”, advertiu a rexedora local mosense.


Datos da investigación


“Nos atopamos ante un delito moi grave de falsedade en documento público e estafa”, lamenta Nidia Arévalo, quen aportou en rolda de prensa datos sobre os implicados investigados. Sinalou, facéndose eco dos datos que contempla a investigación a Carlos R., empregado da Comunidade de Montes de Tameiga como quen, presuntamente, "levou as 4.000 cartas a Correos e declarou que quen lle mandou facelo foi Gonzalo P., coordinador da Comunidade de Montes de Tameiga e 8º na lista electoral de GañaMos; ademais de man dereita do presidente da Comunidade de Montes de Tameiga, de cuxas vivendas, casualmente, partiron os recibos falsos emitidos".


Ademais a alcaldesa avanzou que “vai a haber aínda máis nomes e apelidos e máis membros de GañaMos implicados” porque, pregúntase Arévalo “onde se confeccionaron e se imprimiron as cartas? quen as pagou? e estes son os que nos chaman caciques a nós?”.


Falta de aopio dos grupos da Corporación


Por último pediulle ao resto dos partidos políticos da Corporación implicación neste asunto porque “ata o de agora ningún partido político da oposición condeou este delito nin se manifestou, seguen calados sen emitir sinal de apoio algún ao Concello e ao goberno local”. Esixe Nidia Arévalo a PSOE e BNG que “dean explicacións de por que os apoiaron e se puxeron detrás da súa pancarta nas manifestacións, por que prestaron a súa imaxe, medios e apoio á Comunidade de Montes de Tameiga e aos seus membros amparándose na defensa do monte para atacarme”.


Concluiu a alcaldesa cunha reflexión: “agora gustaríame saber se condean estes feitos, se eran coñecedores dos mesmos … O único que sí teño totalmente claro é que todo isto utilizouse para intentar danar a miña imaxe e conseguir un rédito político que non era outro que a alcaldía de Mos”.

Modificouse o Martes, 02 Julio 2019 19:46
Valora agora
(3 votos)