Imprimir esta páxina
16
Julio

PSOE, GañaMós e BNG: "O PP pretende realizar un xuízo paralelo sobre a suposta trama das facturas falsas"

Os grupos municipais do PSdeG-PSOE, GañaMós e BNG no Concello de Mos acordaron conxuntamente, non asistir ao pleno extraordinario convocado pola alcaldesa para este martes, 16 de xullo para tratar "a falsificación de documentos públicos e usurpación da empresa Aquamos".


Os tres grupos da oposición mosense explicaron hoxe en rolda de prensa os motivos que se negaron a participar da sesión plenaria e que "xustifican plenamente" a súa negativa.


Sinalaron en primeiro lugar que non van "colaborar coa farsa do xuízo paralelo impulsado dende o goberno do PP". Aseguran que o Partido Popular pretende realizar un xuízo paralelo sobre a suposta trama das facturas falsas e consideran que algunhas das declaracións de Arévalo nas últimas semanas están "absolutamente fóra de lugar, máis aínda tendo en conta que hai unha investigación en curso sobre este tema".


"A Alcaldesa non estivo á altura da súa posición institucional cando atacou de forma directa a unha comunidade de montes e sinalou publicamente, ofrecendo nomes e apelidos, a varias persoas sobre as que non pesa ningunha acusación formal. Esta forma de proceder é inaceptable e se non pode demostrar a solidez das súas afirmacións ante a Xustiza, será a propia Nidia Arévalo quen teña que render contas ante a veciñanza", apuntaron na súa comparecencia conxunta ante os medios.


PSdeG-PSOE, GañaMós e BNG defenden que a oposición non recibiu información algunha sobre a presunta trama. "A denuncia sobre as supostas facturas falsas púxoa Nidia Arévalo a título particular e non o Concello de Mos como institución", aseguran, " De feito, o tema non se tratou en ningún pleno nin en ningunha comisión informativa e os grupos da oposición non recibimos comunicación algunha ao respecto. A alcaldesa actuou por libre e non entrou en contacto connosco en ningún momento, a pesar de que solicitamos información sobre este tema en reiteradas ocasións".


"A señora Arévalo non debería esquecer que as tres forzas da oposición sumaron o 51,6% dos votos nas últimas eleccións municipais. Cando se nega a ofrecernos a información que lle reclamamos, está desprezando aos representantes de máis da metade da poboación de Mos", indican.


Ademais, aseguraron que toda a información que lles chegou a estes grupos sobre a presunta trama procede de "rumores difundidos polo boca a boca ou de forma interesada a través das redes sociais" e que a alcaldesa acusa ás forzas da oposición de intentar obter réditos políticos, "pero o certo é que o único partido que realizou declaracións ante os medios e enviou notas de prensa sobre este tema foi o PP. Máis aínda, o goberno municipal utilizou recursos do Concello con fins partidistas ao dstribuir un comunicado de alcaldía e unha fotocopia da suposta factura en plena campaña electoral. Ata onde temos coñecemento, esas foron as únicas facturas que chegaron á inmensa maioría das casas".

 

Consideran ademais que a convocatoria dun pleno extraordinario non está xustificada. "Este pleno extraordinario celébrase 13 días antes da sesión ordinaria do mes de xullo e non acabamos de comprender cales son as razóns de urxencia que o xustifican, máis alá da intención do PP de acaparar a atención mediática", apuntaron,  "As forzas da oposición fomos convocadas con apenas catro días de antelación e os poucos detalles que se ofrecen na orde do día non nos permiten saber cal é o motivo de reunir con tanta présa á corporación municipal".


Por outra parte, indicaron que a celebración dun pleno supón un gasto engadido e que "é ben sabido que o Concello de Mos non está en disposición de asumir dispendios extraordinarios. As arcas municipais atópanse en situación crítica por mor da mala xestión de Nidia Arévalo e entendemos que con esta convocatoria, a alcaldesa pretende desviar a atención para que non se fale da débeda municipal. Aínda estamos á espera de que o goberno presente a liquidación de 2018".


"O pleno extraordinario é un capítulo máis do espectáculo mediático que está a montar o Partido Popular, un show no que tivemos que presenciar escenas realmente vergoñentas. A actitude vitimista que está a exhibir Nidia Arévalo é impropia dunha alcaldía", concluiron.


Por último, as tres forzas políticas reiteraron a súa "firme oposición á modificación do Plan Xeral solicitada dende o goberno do PP para dar amparo ao pelotazo urbanístico de Carlos Mouriño. Fronte á campaña liderada por Nidia Arévalo para desacreditar o movemento social en defensa do monte, o compromiso coa veciñanza de PSdeG-PSOE, GañaMós e BNG permanece intacto".


"Á marxe das diferenzas ideolóxicas ou programáticas que poidamos ter, as tres forzas estamos unidas na defensa do interese xeral fronte ao negocio dos especuladores do monte e da auga. Por iso nos negamos a entrar no xogo de Nidia Arévalo, que pretende dividir á veciñanza para acadar os seus obxectivos. O goberno do PP defende os intereses dunha empresa privada e a alcaldesa está a actuar, utilizando as súas propias palabras, coma o "brazo armado" do señor Mouriño", concluiron.

 

Novas relacionadas: O pleno de Mos pide a dimisión da Directiva da Comunidade de Montes de Tameiga

Modificouse o Martes, 16 Julio 2019 20:13
Valora agora
(0 votos)