Imprimir esta páxina
16
Julio

O pleno de Mos pide a dimisión da Directiva da Comunidade de Montes de Tameiga

O pleno, ao que non acudiu ningún corporativo da oposición, acordou tamén pedir a dimisión do voceiro de GañaMos pola trama dos recibos da auga falsos

Hoxe celebrouse un Pleno Extraordinario no Pazo de Mos sobre "a falsificación de documentos públicos e usurpación da empresa ficticia Aquamos". Na devandita sesión plenaria esixíronse responsabilidades respecto da trama dos recibos falsos da auga aos investigados e presuntos implicados na mesma.


A esta sesión de caracter extraordinario, non acudiron os grupos da oposición, PSOE, BNG e GañaMos, que convocaban hoxe aos medios para explicar os motivos da súa negativa a asistir ao pleno. De xeito que os catro puntos da proposta do goberno foron aprobados por maioría:


“1º A ratificación por parte deste Pleno da denuncia sobre os presuntos delitos de falsificación de documentos públicos e usurpación da empresa ficticia Aquamos.


2º A destitución de toda a actual Xunta Directiva da Comunidade de Montes de Tameiga porque:

 

  • Das vivendas do seu presidente, Antonio Cajide, parten os recibos falsos emitidos.
  • O seu coordinador, Gonzalo Pérez, ordeou o envío das 4.000 cartas a través da oficina de Correos de Puxeiros.
  • O empregado, Carlos Roca, levou as cartas a Correos por orden de Gonzalo Pérez.


3º A dimisión de Román González, voceiro de GañaMos porque:

 

  • Entendemos que GañaMos é o brazo político da Comunidade de Montes de Tameiga.
  • Levou na súa lista electoral, de nº 8, a Gonzalo Pérez, coordinador da Comunidade de Montes de Tameiga.
  • Acusou falsamente ao PP de Mos e a Nidia Arévalo de facer unha montaxe respecto desta trama.


4º Que PSOE e BNG condeen públicamente este presunto delito, xa que ata o de agora non se manifestaron ao respecto. Non sabemos se o apoian ou o rexeitan”.


Ademais a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, informou en resposta ás afirmacións da oposición, de que o pasado 6 de xuño recibiuse no Concello notificación do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución Nº 1 de O Porriño na que se lle poñía en coñecemento á administración local que figura “como perxudicado por presuntos delitos de falsificación de documentos públicos e usurpación”.


A rexedora local mosense reiterou que o caso dos recibos da auga falsos "se trata dunha trama política contra a súa persoa iniciada fai un ano. Trama que incluiu a convocatoria de Asambleas na Comunidade de Montes de Tameiga e nas Comunidades de Augas, manifestacións, pancartas en vivendas (unha delas colocada nunha das casas das que partiron os recibos falsos), mentiras para xerar alarma social como que a auga de Pereiras estaba contaminada, e o colofón final previo ás eleccións municipais: os recibos falsos".


Incidiu novamente en que "en innumerables ocasións GañaMos e a Plataforma Auga e Vida dixeron que o caso dos recibos falsos era unha montaxe e Román González, voceiro de GañaMos, no seu perfil persoal de Facebook escribiu literalmente que era unha `factura pantasma´, unha `montaxe´ e pediu para este tema `máxima transparencia e que non quedara no baúl do esquecemento´".

Apoio dos grupos da Corporación


Arévalo pediulle ademais neste Pleno a PSOE e BNG que se posicionen claramente neste asunto porque “ata o de agora ningún partido político da oposición condeou este delito nin se manifestou, non emitiron sinal de apoio algún ao Concello e ao goberno local, que dean explicacións de por que os apoiaron e se puxeron detrás da súa pancarta nas manifestacións, por que prestaron a súa imaxe, medios e apoio á Comunidade de Montes de Tameiga e aos seus membros amparándose na defensa do monte para atacarme. Gustaríame saber se eran coñecedores destes feitos… O único que sí teño totalmente claro é que todo isto utilizouse para intentar danar a miña imaxe e conseguir un rédito político que non era outro que a alcaldía de Mos”.

 

Novas relacionadas: PSOE, GañaMós e BNG: "O PP pretende realizar un xuízo paralelo sobre a suposta trama das facturas falsas"

Modificouse o Martes, 16 Julio 2019 20:16
Valora agora
(1 Vote)