Imprimir esta páxina
19
Julio

Mellora da seguridade viaria na estrada Porriño-Gondomar

Na PO-551 elevarase o paso de peóns existente xusto antes da rotonda do Cristo de Belén e na PO-331 instalarase un semáforo á altura da urbanización San Rafael

O Xefe de Servizo de Infraestruturas en Pontevedra da Xunta de Galicia, Fausto Núñez, reuniuse esta mañá en Pereiras coa alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o concelleiro da parroquia, Leo Costas, o tenente alcalde e edil de Vías e Obras e Desenvolvemento Urbano, Camilo Augusto, e representantes das Asociacións de Veciños Nosa Terra de Pereiras e San Rafael.


A xuntanza concertouse para dar solucións en materia de seguridade viaria nas estradas autonómicas PO-511 que comunica as rotondas de Costilleta e Cristo de Belén e PO-331 Porriño Gondomar.


Na primeira delas, PO-551, acordouse sobre elevar o paso de peóns existente xusto antes da rotonda do Cristo de Belén. E na PO-331 instalar un semáforo á altura da urbanización San Rafael. Ambas actuacións serán levadas a cabo pola administración autonómica durante o presente verán.


Estas medidas de mellora da seguridade viaria foron solicitadas á Xunta por veciñanza e Concello refrendadas por un informe da Policía Local no que se deixa constancia da perigosidade observada nas estradas, concretamente no P.K. 1.6 nas inmediacións do Colexio Santo Tomás e entrada á urbanización San Rafael e no P.K. 0.5 nas inmediacións da rotonda do Cristo de Belén.


Deste xeito coas actuacións acordadas conseguirase aumentar a seguridade para os peóns ao cruzar a vía nestas dúas zonas.


O tramo afectado transcurre por unha zona urbana con edificacións a ambos lados, varios establecementos públicos, colexio, farmacia, panadería, etc. e tres viais municipais que confúen nel e que dan acceso de entrada e saída a un núcleo urbán de gran importancia.


Ademais soporta un elevado tránsito de vehículos, tanto de tráfico de camións, como de turismos; así como de peatóns, especialmente para aquelas persoas que realizan este trazado para levar aos seus fillos ao colexio e que fan uso habitual do comercio existente na zona. E pese a estar limitada a velocidade a 50 Km/h, é frecuente o desenvolvemento de grandes velocidades por parte dos vehículos. Deste xeito, o obxecto das medidas hoxe acordadas para levar a cabo de xeito inminente, é o de facer reducir a velocidade aos condutores contribuíndo a mellorar significativamente a seguridade dos peóns, atendendo ás demandas da veciñanza da zona a este respecto.

Valora agora
(0 votos)