Imprimir esta páxina
30
Julio

Mos potencia o seu Plan Municipal contra Incendios

O documento cumpre un ano de vida sendo un dos únicos dous Plans Municipais existentes nos 61 concellos da provincia de Pontevedra


Fai xusto un ano que o Concello de Mos aprobaba o seu Plan Municipal de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais tras terse adherido ao convenio coa Consellería do Medio Rural, Seaga e a Fegamp. Precisamente esta mañá a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o concelleiro de Medio Ambiente, Leo Costas, o edil de Urbanismo mosense, Alberto Méndez, e o coordinador do Servizo Municipal de Emerxencias, Rodrigo Iglesias, reuníanse para valorar e facer balance deste Plan que é pioneiro na provincia, sendo actualmente soamente 2 dos 61 concellos pontevedreses, os que dispoñen dun documento marco deste tipo (tan necesario por outra parte).


O pasado mes de xuño empezaron as execucións subsidiarias de Medio Ambiente para a limpeza de fincas dentro do un Plan Municipal de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais.


Neste senso, e para tranquilidade dos denunciantes, procédese a limpeza de fincas con expediente sancionador de Medio Ambiente que non foron limpadas polos seus propietarios no prazo establecido. E comunícase, para coñecemento dos propietarios que, ante calquera dúbida, poden chamar por teléfono á concellería de Medio Ambiente (986 09 70 37) para pedir cita e acudir a aclarar as cuestións que se plantexen a este respecto.


Se ben o concelleiro de Medio Ambiente, Leo Costas, aproveitou hoxe para apelar á calma dos veciños denunciantes, xa que desde que formalizan a denuncia ata que se executa a limpeza subsidiariamente é precisa a realización dunha serie de trámites administrativos que levan un tempo. Así mesmo informou de que nestes momentos atópase en marcha o procedemento de contratación dunha empresa a maiores que participe na execución subsidiaria destas limpezas, proceso ao que xa se presentaron 2 orzamentos candidatos.


Ademais a rexedora local mosense e o edil de Medio Ambiente quixeron agradecerlle a Rodrigo Iglesias e a todo o seu equipo do Servizo Municipal de Emerxencias todo o traballo realizado tanto na redacción como na posta en marcha do Plan, xa que “sen a súa total colaboración e entrega non tería sido posible o feito de que unha vez máis, neste caso en materia de prevención de incendios forestais, Mos estea á cabeza dos municipios da provincia de Pontevedra”, declararon.

 

O Plan Municipal de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais do Concello de Mos ten por obxecto instrumentar a cooperación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural, Seaga, e a Fegamp, mediante o establecemento dun sistema público de xestión da biomasa nos montes ou terreos forestais incluídos nas redes de faixas secundarias de xestión de biomasa.

Valora agora
(0 votos)