A Vicepresidenta Segunda do Congreso dos Deputados, Ana Pastor, visitou hoxe Mos xunto cos deputados nacionais Javier Bas e Diego Gago, para expoñer a enmenda que presentarán aos orzamentos do Estado para liberalizar a peaxe do tramo de 8 Km Puxeiros-Porriño da AP-9 e así desviar o tráfico da A-55. Na rolda de prensa participaron tamén a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, xunto cos seus compañeiros concelleiros do equipo de goberno local, Alberto Méndez, Sara Cebreiro e Julia Loureiro, respaldados e contando co apoio dos representantes do empresariado da provincia: Jorge Cebreiros, presidente da Confederación de Empresarios (CEP) de Pontevedra, Ramón Alonso, presidente da Asociación Empresarios de Transporte Discrecional de Mercancías de Pontevedra e responsable da Federación Galega de Transporte de Mercancías e vicepresidente de AEMOS, Manuel Castro, presidente de AEMOS (Asociación de Empresarios de Mos) e Indalecio Cuevas, presidente da Entidade Urbanística de Conservación (EUC) de A Granxa.
No acto celebrado na Praza do Concello, xunto á A-55, expúxose a intención do grupo popular no Congreso dos Deputados de presentar unha enmenda aos orzamentos do Estado para liberalizar a peaxe do tramo de 8 quilómetros da AP-9 entre Puxeiros e Porriño para desviar o tráfico da tan perigosa A-55.
Nidia Arévalo destacou que “no caso de Redondela está o exemplo de que si se quere, pódese, coa diferenza de que nese caso as motivacións son económicas e no caso de Mos están vidas en xogo”.
Pola súa banda Ana Pastor declarou que “como saben levamos moito tempo traballando pola competitividade das empresas de Galicia en xeral e de Vigo e comarca en particular, e para elo son fundamentais unhas óptimas vías de comunicación, máis aínda nestes tempos de pandemia”. Incidiu no gran nivel de afección de Mos por parte de distintas e numerosas infraestruturas asegurando que “é un concello que dá moito e recibe pouco”. Recoñeceu “o acerto da alcaldesa ao pedir esta enmenda porque a gratuídade deste tramo é a solución máis inmediata, ao atoparse o proxecto do túnel na A-55 paralizado desde fai máis de dous anos” e asegurou que “imos tentar que esta enmenda sala para adiante e que se lle asigne unha partida cunha consignación orzamentaria específica á liberalización da peaxe nestes 8 quilómetros da AP-9, porque desde logo se hai algún tramo en España que verdadeiramente o necesita, é este”.
Jorge Cebreiros declarou que “as vías de comunicación son fundamentais para a competitividade empresarial e máis en tempos de COVID-19, e os empresarios de Pontevedra non podemos seguir soportando nin os custes da peaxe, nin os puntos negros da autovía máis perigosa de España e a única na que hai que circular a 60 quilómetros por hora” e lamentou “o agravio comparativo entre o noroeste de España e outros lugares do territorio español” e fixo un chamamento a que “todos os deputados do Parlamento galego, independentemente da súa cor política, apoien e respalden esta iniciativa para eliminar o agravio histórico que existe co noso territorio”.
Por último Ramón Alonso concluiu a rolda de prensa incidindo en que “o tramo Vigo-Porriño da A-55 é o de máis sinistralidade e inseguridade viaria de toda España e xa só por iso está xustificada a gratuídade da AP-9”.
Dado que está en vigor o período de enmendas a rexedora local mosense reuniuse o pasado luns cos voceiros da Corporación Municipal mosense para trasladarlles a iniciativa e pedirlles que lles esixan aos seus partidos que fagan o mesmo e que tamén eles inicien trámites de emenda aos orzamentos para a gratuídade deste tramo de peaxe. “O ideal para facer a maior forza posible”, explica Arévalo, “sería que existise unha proposta de emenda de cada partido político e que a cúpula e os deputados de cada un actúen de cara a que se concrete unha partida para liberalización da peaxe”.
Arévalo destacou “a importancia do noso obxectivo de desviar o tráfico da estrada máis perigosa de España, xa que é a liberación da peaxe da AP-9 a solución máis inmediata e máis eficaz a curto prazo para evitar accidentes, atascos, feridos e mortes”. Conseguir a liberalización do traxecto da AP-9 entre Puxeiros e Porriño resulta de máxima prioridade para os veciños de Mos e comarca así como os que acceden a Vigo procedentes da Meseta e Portugal.
O traxecto da A-55 ao seu paso por Mos é un dos tramos máis perigosos do Estado Español o que se reflexa na alta sinistralidade contrastada polos numerosos datos estatísticos que ocasionan numerosos danos materiais e persoais. Co fin de diminuír esta sinistralidade realizouse unha reforma recente e colocáronse radares cunha limitación de velocidade á 60Kms/h nun traxecto de curvas , medidas que se ben evitan en parte o crecemento da sinistralidade provoca numerosas retencións polo elevado tráfico. Estas consecuencias afectan a todos os/as cidadáns, pero especialmente aos habitantes do Sur da Provincia de Pontevedra por ser os maiores usuarios de esta vía.
Con trazado paralelo e próximo a esta estrada existe a Autopista AP-9 pola que circula escaso tráfico debido ao peaxe nela instaurado. Esta Autopista entre Coruña e Tui, ten accesos de conexión coa A-55 tanto no Alto de Puxeiros como en Porriño, cun percorrido de 8 Km que enlaza coas autovías cara Tui, Ourense e Vigo. Se este traxecto fose liberado da peaxe diminuiría de forma significativa a densidade do tráfico no traxecto referido da A-55; e polo tanto minguarían os problemas mencionados. Por outro lado é evidente que o coste de liberalización destes poucos quilómetros da peaxe ten un coste asumible pola Administración Pública responsable.
Aínda que o Ministerio de Fomento ten proxectado un túnel que permita reducir drasticamente o tráfico no traxecto referido da A-55, este proxecto está nunha fase inicial non resolve o problema a curto-medio prazo.
Numerosos acordos Plenarios do Concello de Mos, así como outras organizacións sociais tales como Sindicatos e AEMOS teñen reclamado a liberalización de este traxecto sen resultado ata o de agora.
“Resulta incomprensible e alarmante que non se teña resolto este problema nos orzamentos do Estado de 2021, cando existe unha partida específica para reducir custes na AP-9, e que non se contemple unha solución específica para desviar o tráfico da A-55, o que indica unha falta de compromiso cos cidadáns do sur da provincia de Pontevedra por parte da Administración”, concluíu a alcaldesa.