Imprimir esta páxina
16
Enero

A Xunta inviste 25.000 euros na conservación do Pazo de Mos

A achega encádrase no Plan Estratéxico do Turismo de Galicia 2020

O vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, visitou hoxe o Pazo de Mos,  acompañado pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o presidente da Fundación Pazo de Mos, Antonio Rial, e o presidente da Comunidade de Montes de Mos, Manuel Barciela.

 

A administración autonómica colaborou no acondicionamento eléctrico do inmoble e do seu albergue de peregrinos cunha achega de 25.000 euros que se encadra no Plan Estratéxico de Turismo de Galicia 2020, que ten como obxectivo consolidar a comunidade galega como destino competitivo. Nesa aposta por un turismo único e diferenciado, que potencia a Marca Galicia e que garante a seguridade para os seus visitantes, a Xunta colabora na modernización de espazos emblemáticos como o Pazo de Mos, potenciando así a súa adaptación ás necesidades do século XXI.

 

O Pazo de Mos non só é un edificio histórico do século XVII que se atopa nun enclave estratéxico do Camiño Portugués, senón que hoxe en día, xestionado pola Fundación Pazo de Mos, da que forman parte a asociación de veciños de Santa Baia de Mos e a Comunidade de Montes de Mos, é un referente de dinamización cultural e deportiva para a súa veciñanza e un exemplo de aproveitamento dun inmoble emblemático como destino turístico e albergue de peregrinos. Localizado ao carón da antiga calzada romana que unía Bracara Augusta (a actual Braga) con Tui e Santiago a través do Camiño Portugués, é unha xoia do patrimonio galego que o ano pasado sumouse aos espazos singulares que obtiveron en Galicia a certificación Q de Calidade Turística, xunto coa contorna da Carballeira e Xardín Botánico de Caldas de Reis, da Fortaleza Salvaterra do Miño, do parque infantil Aldea dos Grobits (O Grove) e a Rede de Miradoiros de Sober.

Valora agora
(0 votos)