Imprimir esta páxina
07
Diciembre

Os bombeiros do Porriño seguen sen vehículo de rescate en altura

Xa se cumpren case sete meses desde a avaría do vehículo autobrazo do parque de Baixo Miño, que permite levar a cabo as tarefas de rescate en altura e extinción de incendios industriais, así como tarefas tales como a retirada de niños de avispa velutina, acceso a fachadas de edificios, corte de ramas de árbores en temporais e en xeral calquera manobra que requira traballar a certa altura
 
Este vehículo sufriu unha avaría o pasado mes de xuño, e nin a empresa concesionaria nin o consorcio de Bombeiros puxeron ata agora solución a este problema.
 
"É indignante saber que hai intervencións nas que os bombeiros nos atopamos literalmente cojos por carecer dun vehículo eficaz de rescate, e esta situación non pode proseguir", apuntan os bombeiros.
 
Explican que "xa non lles valen" as explicacións que se lles remiten tanto desde a empresa concesionaria como desde o consorcio, "non é asumible que un vehículo estea 6 meses avariado". E é que falamos dun vehículo que non estivo dispoñible en incendios industriais como o da acería de Mos, en incendios de vivendas nos municipios de as Neves, Tui, Porriño, Ponteareas, Salvaterra, etc, "un vehículo do que non puidemos facer uso nun recente rescate dunha persoa precipitada desde gran altura, en infinidade de niños de velutina… " .
 
Os bombeiros consideran que se está "dificultando ao máximo" o seu labor ao carecer deste tipo de vehículo e "por conseguinte poñendo en risco aos veciños de todos os concellos afectados; Mos, Porriño, Tui, As Neves, Tomiño, O Rosal, Salvaterra, Salceda, Mondariz, Mondariz Balneario, así como outros que tamén son atendidos polos bombeiros de Baixo Miño en ocasións como Redondela, Gondomar, Nigrán, Baiona, Oia ou A Garda". "É por iso que non nos valen máis escusas e instamos á empresa xestora e ao consorcio para poñer solucións xa a este problema, que se suma a outras moitas carencias do servizo das que son coñecedores e que nos poñen as cousas cada vez máis complicadas aos bombeiros no noso traballo", conclúen.
 

 
 
Modificouse o Jueves, 07 Diciembre 2017 12:13
Valora agora
(0 votos)