As curtametraxes gañadoras da XV edición do Festival de Cans proxectaranse este xoves 9 de Agosto na localidade portuguesa de Caminha. A sesión terá lugar no marco da VII edición do ciclo “Cinema+Perto”, organizado polo prestixioso cineclube Locus Amoenus da localidade caminhense. As proxecións desenvolveranse no fermoso Teatro Valadares, a partir das 21,30 horas da noite (horario portugués, 22,30 horas, hora galega), e a entrada será gratuita ata completar o aforo.
Nesta proxeción organizada polo cine clube Locus Amoenus en colaboración coa Cámara Municipal de Caminha, proxetaranse varias curtametraxes que, ademais de gañar en Cans, están a ter un gran percorrido internacional. Unha delas será “Matria” de Álvaro Gago, que fixo historia gañando o prestixioso Festival de Sundance, e que marcou tamén un fito histórico na última edición do Festival de Cans, ao acadar catro premios, algo que ningunha outra curta acadara desde que nacera o festival. “Matria” levou en Cans o Premio do xurado, o premio do Público, o Premio das Veciñas e Veciños de Cans e o Premio á mellor interpretación feminina, co extraordinario traballo da súa protagonista Francisca Iglesias, que cautivou a público e xurado.
Alén de “Matria”, en Caminha tamén se poderá ver “Europa” do cineasta redondelano Hugo Amoedo, que este ano inaugurou o palmarés na nova categoría de non-ficción chamada “Furacáns”, levando o premio do xurado, e a curta “El Reloj” de Borja Santomé, que levou o premio do xurado na categoría de animación, co seu singular traballo.
Como introducción ás curtas, proxectarase o documental “Catorce Cans”, dirixido por Isaura Docampo, que reflicte ó espírito da penúltima edición do Festival de Cans. A duración total da sesión será duns 75 minutos, e tamén haberá un coloquio co director do festival, Alfonso Pato, que estará presente en Caminha, xa que coincide que todos os directores premiados se atopan neste momento traballando en diversos países fóra de España.
Esta é a primeira das diversas proxecións que o Festival de Cans fará este ano, para darlle visibilidade ás curtametraxes premiadas no Festival. Ademais desta sesión en Caminha, estanse preparando proxecións en cidades como Lisboa, París, Madrid e diversas localidades galegas. O Festival de Cans quere adicar esta primeira proxeción das curtas gañadoras á memoria do actor Ernesto Chao, falecido estes días, e que foi recoñecido co Premio Pedigree de Honor no ano 2010 en Cans, deixando a súa pegada na súa estrela no Torreiro de Cans. Por este motivo, antes da proxeción realizarase unha pequena semblanza de Ernesto Chao, a xeito de pequena homenaxe na súa lembranza.