Imprimir esta páxina
Imaxe: Arquivo Imaxe: Arquivo
09
Febrero

O Godoy Maceira Porriño di adeus á Copa da Raíña

24. BM Granollers: Andrea de la Torre, Judith V. (6), Kaba G. (1), Ona Vila (1), Mireia Torras, Lora S. (4), Nicole V., Guiulia G., Ona Vegue (5), Carmen Prelchi (2), Aina F. (2), Miriam González, Anna Sánchez, Irene Montero (1) e Martina Capdevila (2).

 

22. Godoy Maceira Porriño: Fátima Ayelén, Ana Cerqueira, Bárbara Cerqueira (5), Inés Hernández (1), Carina Lorenzo, Cecilia Cacheda, Begoña Otero, Fátima Suaré (2), Alba Dapena (6), Sandra López, Sarai Samartín (4), Natalia Martínez (3), Sandra Fernández (1) e Iasmin dos Santos.

 

Marcador cada cinco minutos: 1-1; 4-2; 8-4; 10-4; 13-5; 15-6; Descanso; 16-8; 16-13; 19-14; 20-16; 22-20; 24-22.

 

Árbitros: Lorena García e Tania Rodríguez. Excluíron, por parte do BM Granollers, a Carmen Prelchi e Anna Sánchez. Por parte do Godoy Maceira Porriño, a Isabel Cerqueira, Carina Lorenzo e Alba Dapena.

 

Incidencias: Partido correspondente á volta da segunda rolda da Copa da Raíña disputado no Palau D’Esports de Granollers.


O Godoy Maceira Porriño caeu con honra na pista do BM Granollers e quedou eliminado da Copa da Raíña tras ir de menos a máis nun duelo que comezou mal, pero que acabou con boas sensacións en canto a xogo.

 

Non comezou do todo ben o partido para os intereses do Godoy Maceira Porriño, que no canto de iniciar o duelo cun malgaste de intensidade para tentar comezar a remontada, viu como o Granollers impuxo a súa lei no Palau D’ Esports desde practicamente o asubío inicial.

 

Tan só veríase por diante no marcador o porriño co 0-1, xa que a partir dese momento foi o Granollers o equipo que tomou as rendas a base dunha intensa defensa e rápidas transicións, que foi facendo máis e máis dano a un Porriño aínda minguado por baixas importantes como as de Cecilia Cacheda ou Iasmin dos Santos, así como a suplencia de Fátima Ayelén por precaución, polo que Begoña Otero disputou os 60 minutos.

 

A pesar de tentalo en cada acción ofensiva, as pupilas de Abel Estévez non conseguían ver portería con claridade,  algo que pesou en exceso conforme ían pasando os minutos, xa que o Granollers si aproveitou cada ataque para ir ampliando a diferenza no marcador de maneira cada vez máis sanguenta.

 

Foi xa preto do tempo de descanso, no minuto 27 de xogo, cando o bloque catalán adquiriu a máxima vantaxe no marcador (15-5).  Así, ao descanso chegouse cun 15-6 que deixaba a eliminatoria practicamente resolta para o Granollers, despois dos 14 goles de diferenza que adquiriu no partido de ida.

 

Co inicio do segundo tempo, o guión cambiou progresivamente. O Granollers saíu un tanto máis relaxado ao partido e o Porriño aproveitouno para comezar a recortar distancias no marcador. Non era o mesmo Porriño que no primeiro acto, xa que as pupilas de Abel Estévez mostráronse con moita máis confianza, atopando solucións en ataque con moita máis facilidade, xogando ben entre a primeira e segunda liña, onde se aproveitou o partidazo de Alba Dapena nos seis metros.

 

Deste xeito, a distancia foise recortando para sorpresa do bloque local, que viu como do 15-6 do descanso pasouse ao 16-13 no minuto 40 de encontro. A partir do ecuador do segundo acto, o Porriño foi atopando aínda mellores sensacións, que lle axudaron a seguir competindo o partido e achegándose no marcador ata alcanzar a mínima desvantaxe cando tan só faltaban 4 minutos para o final do encontro (22-21).

 

Non puido consumar a remontada o Porriño, que acabou perdendo o choque por un digno 24-22, deixando claro o seu espírito de loita ante un Granollers que leva a eliminatoria copeira.

Valora agora
(0 votos)