Noé Pérez Gaspar e Aroa Otero Táboas, alumnos de 1º de ESO do IES Ribeira do Louro, foron seleccionados para participar no Congreso Internacional Climántica 2019, que terá lugar do 4 ao 8 de setembro na cidade lusa de Aveiro.
O proxecto realizado por ambos leva por título "As canteiras: recurso ou impacto" e consiste na construción dunha maqueta na que se presentan as tres fases polas que pasa o terreo escollido para a extracción dun material: inicial (como se atopa antes de comezar), fase de extracción propiamente dita (que pode durar moitos anos), fase de restauración (deixar o terreo en condicións axeitadas).
Dado qeu o centro se atopa nunha zona onde o "granito rosa Porriño" é moi abundante, o alumnado decidiu facer o proxecto sobre as canteiras desta zona. Aquí, o granito é un importantísimo recurso económico, pero ao mesmo tempo supón un grave impacto ambiental. A destrucción do terreo para facer estas explotacións a ceo aberto implica unha fragmentacion de hábitats e destrución de moitos ecosistemas, e perda, polo tanto, de biodiversidade. Ademais prodúcese contaminación atmosférica e das augas, e un gran impacto visual e paisaxístico.
Previamente, todo o alumnado de 1º da ESO realizou unha visita a Minergal, onde lles explicaron o proceso de extracción do granito e posteriormente visitaron unha canteira onde o técnico encargado lles explicou todo o proceso observando directamente os pasos, tamén lles amosou unha canteira restaurada.
Con todos os datos estes alumnos fabricaron a súa propia maqueta coas tres fases; decidiron restaurar o terreo facendo un aparcadoiro para que os empregados das distintas empresas do polígono industrial non tiveran problemas para aparcar os seus coches. E tamén montaron un vídeo no que indicaron os materiais que empregaron e os distintos pasos que seguiron.