Imprimir esta páxina
20
Julio

O PP solicita un pleno extraordinario para abordar os múltiples incumprimentos en materia económica

Os populares piden a revisión de oficio da facturación pendente de pago, que ascende a máis de 5 millóns de euros, e que se investigue a facturación rexeitada para proceder a elaborar a correspondente proposta de recoñecemento extraxudicial que facilite o pago a provedores

O grupo municipal do Partido Popular do Porriño solicitou un pleno extraordinario para abordar, coa pertinente documentación e informes, a situación económica na que se atopa nestes momentos o Concello.  

 

"Eva García está actuando con total prepotencia e soberbia, sen dar ningún tipo de explicación nin a corporación nin á veciñanza da situación real na que se atopa o Concello pese a terllo requerido reiteradamente", afirmou o voceiro dos populares, Alejandro Lorenzo, "Sen dúbida a alcaldesa prefire continuar coas súas prácticas e consolidar a situación para poder acusar a outros da súa mala xestión".

 

Os populares solicitan que se ordene a revisión de oficio da facturación pendente de pago, que ascende a 4.874.541,63 €. "Falamos de centos de facturas, por traballos prestados nos anos 2016, 2017 e 2018, que corresponden a contratos adxudicados de forma verbal ou efectuados sen ter seguido para a súa contratación o procedemento legalmente establecido", insistiu Lorenzo, "Na súa maioría foron rexeitadas no momento de ser rexistradas e, posteriormente, inclúense cunha nova data de rexistro. A cifra pendente de pago supera os 5 millóns de euros, pois a maiores existe facturación de provedores que foi rexeitada e non se volveu a incluir na contabilidade municipal".

 

Uns feitos que os populares tildan de "moi graves" aos que hai que sumar "a existencia de facturación manipulada para ser incluída en recoñecementos extraxudiciais", medida de caracter extraordinario que, según denuncian dende o PP, o Goberno Municipal tentou tomar como primeira vía de pago. "Con todo, e pese ás súas excusas, tan só levaron para o seu recoñecemento 800.000 euros dos máis de cinco millóns pendentes de pago a través de dúas modificacións orzamentarias con informes desfavorables da intervención municipal", apunta Lorenzo.  

 

Os populares insisten en que se investigue a xestión e a forma de contratación desta facturación e inciden na arbitrariedade da Alcaldía á hora de abonar as facturas a determinadas empresas, mentres outras continúan sen cobrar. "Eva García, mediante decreto de levantamento de reparo, pagou as facturas pendentes a numerosas empresas nos anos 2018 e 2019, o cal pon de manifesto como de maneira totalmente arbitraria no Porriño cobran unhas empresas e outras non", explicou Alejandro Lorenzo, "Non hai problema en gastar e pagar por decreto 270.000 euros en compra de locais, 550.000 en vehículos de renting ou vaciar a partida de festas de 700.000 euros, mentres a débeda de impagos sigue crecendo e empresas que prestan servizos continúos, como a que xestiona a piscina municipal, non cobran dende fai anos".

 

"Ante a opacidade do Goberno Municipal que se nega a dar explicacións sobre a súa xestión económica", os populares solicitan que se leve a cabo unha investigación sobre os feitos consumados e os procedementos levados a cabo nesta contratación. Instan á Alcaldesa a que se ordene a revisión de oficio da facturación pendente e se investigue a facturación rexeitada. Solicitan informes dos responsables de área e dos técnicos municipais sobre a manipulación ou duplicidade da facturación, dos motivos polos que foi rexeitada, dos prezos de mercado correspondentes a estes gastos e informe sobre os administradores das empresas con maior facturación, coincidentes entre sí moitos deles.

 

Despois detes proceso, solicitan que se elabore a correspondente proposta de recoñecemento extraxudicial que facilite o pago aos provedores.

Valora agora
(1 Vote)