Imprimir esta páxina
10
Septiembre

A Comunidade de Montes do Porriño rompe toda relación co Concello

Os comuneiros lamentan que o Concello do Porriño amose "nulo interese" por solucionar a situación do depósito de auga da Risca, construído sobre o monte comunal como consta declarado por resolución xudicial firme

A Xunta Reitora da Comunidade de Montes en Man Común da Parroquia de Santa María do Porriño tomou a decisión de "romper calquera relación co Concello do Porriño" .


A determinación da directiva dos comuneiros chega ao non obter resposta algunha do Concello tras ter instado á administración local a poñer a súa vontade e os medios ao seu alcance para chegar a unha solución consensuada da situación derivada da ocupación de terreos desta comunidade de montes pola construción dun depósito de abastecemento municipal na Risca. No devandito escrito, rexistrado o pasado 24 de xullo,  os comuneiros emprazaban ao Concello a que presentara "proposta razonable no prazo dun mes, para formalizar a cesión ou arrendamento do terreo" e poñer fin a esta cuestión.


"Transcorrido un mes e medio dende a presentación do noso escrito, non só non obtivemos resposta satisfactoria do Concello do Porriño, senón que a Corporación Municipal nin sequera se dignou a contactar coa comunidade de montes para interesarse pola cuestión prantexada", refiren dende a Xunta Reitora. Esta actitude é interpretada como "un desprezo cara aos comuneiros, que levamos máis de cinco anos poñendo toda a nosa vontade e disposición para solucionar este asunto de forma amigable, sendo ignorados repetidamente pola Corporación Municipal que amosa nulo interese por solucionar un problema que , recordemos, creou o propio Concello".


Hai dúas décadas, o Concello instalou un gran depósito que recolle augas do río Oitavén para alimentar o seu sistema de distribución de auga potable. O fixo nun terreo que pertence á comunidade de montes Santa María do Porriño, sen que ata o de agora existira acordo entre comuneiros e a administración local, sendo finalmente o xulgado quen resolveu esta situación de "ocupación".


Os comuneiros advirten que "ante esta actitude do Concello", a situación "diríxese irremediablemente ao conflicto, xa que dúas partes non dialogan e chegan a acordos se unha delas non quere, e neste caso está claro que o Concello non quere facer nada por solucionar un problema e unha inxustiza".


A decepción da comunidade é tal que veñen de tomar a decisión, e así o comunicaron á Alcaldesa,  a ruptura das relacións "pois non podemos seguir aceptando o desprezo que está a ter para con nós".


A Xunta Reitora adianta que tomará as medidas que considere oportunas, dentro das posibilidades que a lei lle confire, para defender os seus dereitos e intereses. "Porén, seguiremos agardando que o Concello do Porriño actúe como se espera dunha administración local responsable e cumpra coa súa función de solucionar os problemas dos veciños da vila, especialmente nun caso coma este, no que o Concello está na mesma base do problema e del depende a solución", conclúen.

Un enorme depósito construído en monte comunal


A demanda dos comuneiros foi presentada a finais do ano 2014, e non foi ata o 31 de marzo de 2017 que recaeu sentencia do Xulgado de 1ª Instancia nº 3 do Porriño, na que estima parcialmente a demanda interposta e ten por acreditado e certo que o depósito referido foi construido sobre terreo da Comunidade de Montes en Man Común da Parroquia Santa María do Porriño.


Tras o recurso de apelación interposto contra esta sentenza, a Audiencia Provincial de Pontevedra ditou, o 15 de novembro de 2018, nova sentencia pola que se desestima o recurso e se confirma a sentenza de primeira instancia, que deviría firme ao non ser recorrida a sentencia de apelación.


Así as cousas, a realidade é que, a día de hoxe, existe un enorme depósito de auga construído sobre o monte comunal, e así consta declarado por resolución xudicial firme.


"Ante esta irregular situación, o Concello do Porriño ven adoptando unha actitude moi rexeitable, pois dende o principio do procedemento xudicial, e durante propuxo en varias ocasións a posibilidade de asinar un acordo polo que a comunidade de montes ceda ou arrendeao Concello a parcela sobre a que se asenta o depósito a cambio dunha xusta renda ou canon", explican os comuneiros. Esta proposta foi sempre ben vista pola comunidade de montes , que incluso a propuxo antes de interpoñer demanda coa intención de evitar o procedemento xudicial.

Valora agora
(2 votos)