Imprimir esta páxina
17
Octubre

AIMEN mostra as máis innovadoras aplicacións industriais da tecnoloxía láser

As  XV Xornadas de Procesado con Tecnoloxía Láser contan con expertos nacionais e internacionais que están a compartir aplicacións industriais desta tecnoloxía que xa se están empregando en empresas punteiras de sectores como automoción, enerxético, aeronáutico e  metalmecánico; e que lles permiten dar un salto cualitativo nos seus produtos e procesos.

O Centro de Aplicacións Láser de AIMEN acolle hoxe e mañá a 120 investigadores,  desarrolladores e usuarios de tecnoloxía láser que están a participar nas Xornadas de Procesado de Materiais con Tecnoloxía Láser que organiza AIMEN e que este ano cumpre a súa décimo quinta edición, apoiando a súa posición como a cita máis importante do sector a nivel nacional e unha das máis relevantes da contorna europea.

 

As  XV Xornadas de Procesado con Tecnoloxía Láser contan cun programa composto de 35 relatorios, na que expertos procedentes de Alemaña, Suecia, Italia, Francia, Portugal, Suíza, Finlandia, Bélxica, Gran Bretaña e España; están a compartir aplicacións industriais desta tecnoloxía que xa se están empregando en empresas punteiras de sectores como automoción, enerxético, aeronáutico e  metalmecánico e que lles permiten dar un salto cualitativo nos seus produtos e procesos. Ademais, as Xornadas ofrecen un espazo relevante á innovación, servindo de plataforma de presentación de proxectos novos neste campo que se incorporarán ao mercado no curto e medio prazo.

 

Un ano máis as xornadas contaron co patrocinio das principais firmas de tecnoloxía láser a nivel europeo como é o caso de  ABICOR  BINZEL Ibérica,  COHERENT  Rofin,  TRUMPF, INNOVA  SCIENTIFIC, AMADA Maquinaria Ibérica, II-VI  HIGHYAG  Lasertechnologie,  IBEROPTICS,  LASEA,  LASERLINE,  LASER 2000,  MONOCROM,  PHOTON  LINES,  PROCARELIGHT,  TM COMAS,  AMPLITUDE  Laser  Group,  IPG  Photonics,  LASING e  SCANLAB, entre outras; que están a mostrar os seus produtos máis novos no espazo expositivo habilitado.

 

Como cada edición,  AIMEN convidou a profesionais referentes nesta tecnoloxía para abrir as Xornadas cunha conferencia plenaria. Nesta ocasión participaron Peter  Jonsson, especialista en fabricación  aditiva en  GKN  Aerospace  Systems  Sweden; e Mauro  Brignone, responsable de Innovación de  Magneti  Marelli. Na súa intervención, Peter  Jonsson compartiu a experiencia en fabricación  aditiva na compañía, na que destacou o importante investimento que realizou a firma nesta tecnoloxía polos resultados e aplicacións que están a desenvolver desde fai máis dunha década e que prevé que poderán alcanzar no futuro, incorporando a fabricación  aditiva en máis procesos. Entre os avances logrados han resaltado, entre outros, alixeirar o peso dos compoñentes e reparar pezas conservando propiedades mecánicas sen deformacións. Pola súa banda, Mauro Brignone, centrou o seu relatorio nas aplicacións da soldadura láser en sistemas de escape automotriz en  Magneti  Marelli, que lles permite traballar novos produtos, máis complexos e con maiores funcións ao mesmo tempo que reducen o peso dos mesmos, con beneficios como unha maior resistencia á corrosión ou a diminución de gretas, entre outros.

 

E- Mobility

 

As aplicacións para o sector de automoción e en especial, para vehículos eléctricos, están a ser os temas tratados nalgunhas dos relatorios das Xornadas  Laser. Desde a compañía  TRUMPF destacaron que a tecnoloxía láser, mediante procesos como marcado, corte ou soldadura, é xa unha ferramenta indispensable para a fabricación de vehículos eléctricos; pero conta cunha ampla marxe de mellora e crecemento en campos como tecnoloxía de celas de batería, compoñentes electrónicos, trens de transmisión eléctricos e a integración en paquetes de baterías. Os principais desafíos aos que se enfronta o láser enfócanse en tarefas como perforación, corte remoto de láminas de eléctrodos ou algúns tipos de soldadura máis complexos. Pola súa banda,  COHERENT explicou que as tendencias do mercado de mobilidade electrónica impulsan a demanda de certos materiais, como aliaxes de aluminio ou aceiros recubertos de cobre e  cinc, que requiren procesos moi específicos para controlar  salpicaduras, poros e gretas durante e despois da soldadura, cuestión que pode resolverse con tecnoloxía láser, cuns resultados ata un 80% máis satisfactorios que con outros sistemas e empregando ata un 40% menos de potencia láser.

 

II-VI  HIGHYAG profundou na capacidade de personalización dos  cabezales para procesamento láser para conseguir unha produción rendible e cun mellor comportamento do material, concretamente aplicando soldadura en marcos de baterías eléctricas. Outro exemplo sobre a relevancia desta tecnoloxía na  electromovilidad ofreceuno  LASERLINE, que puxo de relevo as posibilidades que ofrecen as fontes láser azul para o procesamento de cobre, moi demandados en vehículos eléctricos para  conectores altamente  conductivos.

 

Innovacións en láser presentadas por  AIMEN

 

AIMEN presenta tamén nas Xornadas algunhas iniciativas que está a desenvolver neste campo. Unha delas son os resultados do proxecto europeo  Lay2 form, no que se utiliza a tecnoloxía láser para fabricar estruturas que combinan materiais de distinta natureza, concretamente metal e  composites reforzados con fibra de carbono, co obxectivo de alixeirar o peso de compoñentes aplicados ao transporte.

 

Tamén puxo en valor a eficacia da simulación á hora de optimizar procesos de fabricación aditiva con láser, evitar defectos e reducir as repeticións no deseño das pezas; mediante resultados de dous proxectos nos que participa  AIMEN, D3 sfila e  Integradde. Por último, deu a coñecer a plataforma Amable, unha iniciativa que pretende achegar a fabricación 3D ás pemes, poñendo á súa disposición distintas solucións susceptibles de ser incorporadas nos seus procesos produtivos.

 

Valora agora
(0 votos)