Imprimir esta páxina
09
Julio

Luís Bará no Porriño: “O 12X canto máis BNG, menos PP”

O cabeza de lista do BNG fixo no Porriño un chamamento á mobilización subliñando que "o BNG de Ana Pontón é a alternativa real a Feijóo”

A catro días da cita coas urnas, o cabeza de lista do BNG por Pontevedra, Luís Bará, afirmou onte  O Porriño que o vindeiro domingo "hai que concentrar o voto das persoas que queren cambio en Galiza porque canto máis BNG, menos PP”. Bará subliñou que "lograr un tempo novo está ao alcance da man"  e indicou que "estanse alineando os astros para que teñamos a primeira presidenta da historia en Galiza, Ana Pontón”.

 

O cabeza de cartel referiuse a que "hai 700.000 persoas indecisas e tamén unha tendencia de crecemento e un medre imparable do BNG". Fixo fincapé en que nestas eleccións o BNG ten dous grandes obxectivos: “derrotar dun golpe á dereita reaccionaria e insolidaria do PP e ao centralismo e a dependencia que nos afoga e que nos paraliza. E, en segundo lugar, facer historia poñendo á fronte do noso país unha muller nacionalista, a primeira presidenta da historia de Galiza, Ana Pontón, que co seu liderado potente, atraente e inclusivo é a alternativa real a Feixóo”.

 

No Parque do Cristo, Bará afirmou que o BNG "está preparado para gobernar e coller o mando e a dirección do país cun proxecto propio, transformador, pensado dende e para Galiza e a súa maioría social que servirá para rematar con este tempo de parálise do Parido Popular que converteu Galiza nun país co motor parado”. Segundo explicou o candidato, a primeira medida do BNG de Ana Pontón para facerlle fronte á crise no goberno galego será tecer un grande acordo ou grande coalición institucional e social polo futuro de Galiza para a reactivar a economía, o impulso e a modernización de país".

 

Nun mitin no que participaron as tamén candidatas Cristina Fernández e Francisco Chivite, Bará fixo un chamamento á mobilización do voto xoven e un chamamento "á xente moza como motor do cambio", xa que ao seu entender "será clave para un gran ascenso do BNG e derrotar ao Partido Popular". Así mesmo, subliñou "a necesidade de concentrar no Bloque o voto da xente galeguista e nacionalista porque tanto a abstención como a división do voto das persoas que lle queren ao país e queren cambio serán como votar ao Partido Popular”.

 

“Hai que darlle o finiquito ao PP, confinalo na oposición, mandalo para Madrid”, dixo Bará, argumentando que nestes momentos non hai nada decidido, senón que se decide todo o 12X nas urnas: “Hai partido e nós saímos a por todas. Saímos a gañar. O futuro é noso”, indicou o cabeza de cartel, quen augurou un grande resultado para o BNG que permitirá “poñer en marcha o cambio galego, abrir un tempo novo e darlle esperanza e futuro ao país”.

 

En clave local, Bará fixo referencia a "débedas históricas da Xunta na zona, como a variante da PO-510 en Budiño, a transferencia do tramo urbano da PO-331 (rúas Progreso e Bos Aires), a construción dun novo centro de ensino de Infantil e Primaria, que o Sergas asuma a xestión da Unidade de Drogodependencias, ou o soterramento da liña de alta tensión en Torneiros".

 

Segundo dixo Bará, O Porriño “terá un goberno a favor a partir do vindeiro 12X". Destacou que "fronte á inacción do goberno do PP, o BNG axilizará a súa colaboración para sacar adiante actuacións seguindo o modelo BNG" e insistiu na "necesaria intervención nas estradas de titularidade da Xunta, nas que é preciso realizar actuacións de seguranza viaria e de mellora da mobilidade peonil, así como nos centros de ensino público, dos máis antigos do país, nos que non houbo investimentos de importancia do goberno autonómico nos últimos once anos a pesares de que, por exemplo, o CEIP Fernández López precisa unha intervención integral. “Hai unha débeda secular”, destacou o nacionalista.

 

Pola súa banda, na súa intervención, a candidata Cristina Fernández fixo unha chamada á mobilización da veciñanza "para facer historia como aconteceu en Ponteareas en 2015, cando o BNG gañou a alcaldía ao PP, que ata entón gobernaba o Concello como o seu chiringuito”. “Queremos que a maioría social confíe en nós como aconteceu entón e poder poñer á fronte da Xunta a unha muller solvente que abrirá un tempo novo neste país, Ana Pontón”, finalizou.

 

Valora agora
(0 votos)