Tania Alonso (O Porriño, 1987) é autora de En mi garanta (Una historia real sobre emociones tóxicas), un libro que supón un percorrido vital honesto e directo a través das súas propias experiencias. “Reflicte a grande carga emocional que supuxeron para min certas vivencias como as relacións de parella destrutivas, a precariedade laboral ou a depresión”, expresa a autora.
Recoñece que publicar o libro non foi unha decisión sinxela porque “expón esa intimidade que un tantas veces quixera gardar ou esconder, sobre todo se non é agradable ou o que se espera”. Pero o que finalmente fixo que se animara, ademais de que lle serviu a xeito de “desafogo”, foi a intención de comunicar unha mensaxe: “Creo que hai persoas que poden sentirse moi identificadas, falo de malas experiencias que son habituais nos nosos tempos e, sobre todo, falo de como se sinte un cando vive esas experiencias”, explica. A parte máis importante desa mensaxe é, segundo as súas palabras, “Ter en conta que sempre podes cambiar as cousas de rumbo se te volves a posicionar do teu lado, se volves a conectar contigo”.
A segunda edición deste libro xa está dispoñible en diversas tendas físicas de Porriño (libería Paz, librería Recondo, copistería Copi-Rey). “É un libro autoeditado. Creo que a autoedición é unha boa oportunidade para autores noveis e para ter o control da túa propia obra. Por outra parte, ten inconvenientes como a falta de apoio para a promoción e a distribución”, admite.
Tamén está dispoñible en Amazon tanto en formato papel como en dixital. “Penso que é un libro máis axeitado para o papel, pero en dixital é moi sinxelo de conseguir, a xente xa está bastante familiarizada con esa opción e sae máis económico, por que non?, di a autora. A idea de dar o salto da plataforma de vendas ás librerías físicas aconteceu “Unha vez que empecei a recibir moi bo feedback por parte de persoas que leron a primeira edición. Esta ten o mesmo contido, o cambio é principalmente estético”, asegura.
O libro componse de varios capítulos escritos dun xeito un tanto particular. “Hai dúas partes que se complementan: unha na que trato de ser obxectiva e outra que é tremendamente íntima”. Esta última, a veces moi dura, foi escrita no momento na que a estaba vivindo. É dicir, cando escribo sobre a depresión, eses textos escribinos cando estaba deprimida; cando falo de relacións de abuso, o mesmo. Este modo de narrar tamén me axudou a ver as miñas vivencias con perspectiva e a entender que un pode estar intoxicado nas súas propias emocións e que é posible desintoxicarse. Está ben sentirse mal por cousas pouco agradables que che acontecen, pero convén evitar que o malestar se prolongue no tempo ou acabas entrando nunha espiral que te funde cada vez máis”, di a autora.
Tania é Licenciada en Xornalismo e tamén estreou recentemente a súa canle de Youtube (Tania Alonso). “Creo que todo o que fago ten un pouco que ver co mesmo. Fascíname o mundo das emocións, tratar de entendelo e iso é o que fago tamén na miña canle, explica a porriñesa e engade que, a diferenza do libro, a canle tamén ten doses de humor, “Saca a miña parte máis espontánea. O que máis me gusta é que me permite conectar con xente de calquera sitio.
A autora ve xa a posibilidade dun segundo libro. “Estiven escribindo cousas que me parecen interesantes, sempre dende ese punto de vista de intensidade emocional que hai no primeiro libro. Non é unha intensidade buscada, realmente vivo as cousas así. Iso si, polo xeral só escribo cando estou mal ou cando as cousas non funcionan, así que non será tampouco un libro doado”. É que fai cando está feliz? “Compártoo doutros xeitos, para qué escribir?, ri.