De acordo coa estratexia europea encamiñada á mobilidade de baixas emisións, a Unión Europea busca poñer en circulación polo menos 30 millóns de vehículos de cero emisións para 2030. Para iso estanse tomando diversas medidas para promover empregos, crecemento, investimentos e innovación para diminuír as emisións xeradas polo sector do transporte.
O Proxecto ALMA (Advanced Light Materials and Processes for the Eco-Design of Electric Vehicles) busca mellorar a eficiencia e a autonomía dos vehículos eléctricos mediante a diminución do peso xeral do vehículo.
O proxecto, financiado pola UE, organizou a súa reunión de lanzamento os pasados 23 e 24 de febreiro, onde participaron nove socios de catro países membros da UE. O consorcio do proxecto, enmarcado no Programa Horizonte 2020 da Comisión Europea, busca fortalecer a colaboración a través de diferentes disciplinas de coñecemento.
O grupo involucra a cinco empresas privadas, tres centros de investigación e unha asociación internacional: os membros do consorcio, liderados por CTAG – Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (España), inclúen: Arcelormittal Maizieres Research (Francia), Ford- Werke (Alemaña), Innerspec Technologies Europe (España), BATZ S. Coop. (España), RESCOLL (Francia), Fraunhofer Gesellschaft zur Foerderung der Angewandten Forschung E.V. (Alemaña), Nederlandse Organisatie voor Toegepast Natuurwetenschappelijk Onderzoek TNO (Países Baixos) e ISWA - International Solid Waste Association (Países Baixos).
Como xa dixemos, co obxectivo de mellorar a eficiencia e autonomía dos vehículos eléctricos, o proxecto ALMA propón reducir o peso da estrutura do vehículo. Ademais, a crecente conciencia ambiental e as cada vez máis esixentes regulacións esixen a adopción dos principios básicos de economía circular a través de todo o ciclo de vida do vehículo.
Raquel Ledo, responsable do departamento de Innovación en Materiais de CTAG e coordinadora do proxecto ALMA declarou: “Este proxecto non só representará un avance importante para incrementar a eficiencia dos vehículos eléctricos, senón que tamén representará un cambio na tradicional concepción lineal da cadea de valor na industria de automoción, promovendo a súa transformación cara a un sector no que a economía circular sexa un elemento tractor”.
Este é un proxecto a tres anos que busca promover a innovación e a sustentabilidade. Para responder a este desafío, ALMA desenvolverá unha nova plataforma máis lixeira de vehículo eléctrico de batería cun 45% menos de peso que o vehículo de pasaxeiros de referencia, mantendo a eficiencia en custos característicos deste sector. Con este propósito, ALMA desenvolverá unha plataforma modular multimaterial cunha combinación de aceiros avanzados de alta resistencia, laminados metálicos híbridos e composites estruturais, caracterizados de forma experimental e virtual con ferramentas de modelización multi-escala.
A economía circular como prioridade
ALMA adoptará os principios da economía circular desde as etapas iniciais do proxecto a través da aplicación de estratexias de ecodiseño, para crear así unha nova plataforma de vehículo 100% eléctrico que sexa “feita para ser reciclada” (“ made to be recycled”). Con este obxectivo, utilizará unha tecnoloxía de adhesión estrutural reversible para permitir a separación eficiente dos compoñentes ao final da súa vida útil, permitindo dese modo a súa posterior reparación e reutilización todas as veces que sexa posible. Ademais, integrarase un innovador sistema de monitoraxe da saúde estrutural dos compoñentes da carrocería, baseado en emisións acústicas, para detectar e localizar danos mentres o vehículo estea en servizo. Finalmente, analizaranse as opcións máis eficientes para a reciclaxe e valorización dos diversos materiais utilizados co obxectivo de completar o concepto de cadea de valor circular.