"Vaise cumprir un ano desde que comezou a crise e os hostaleiros fomos os primeiros en solicitar axudas para os pequenos negocios do Porriño, sen facer alusión a ningún sector específico, xa que empezamos cun peche total das actividades", apuntan nun comunicado, "desta solicitude de axudas, á que se sumou tamén Acipor, repartíronse sen diferenciar sectores e só chegaron ao 30% dos negocios de hosteleria do municipio. A maior parte destes fondos foron para outros negocios e autónomos e non nos opuxemos a que isto fora así".
Explican os hostaleiros que, tras este duro ano para o seu sector, volveron solicitar en xaneiro que se destinase outra partida para poder chegar a máis negocios de hostalería. "Estimamos a cantidade necesaria en 100.000 euros", indican, "Solicitámolo por rexistro e tras varias negociacións e plenos, conseguimos que se comprometese esa cantidade e, ademais, o Concello tamén destinaría unha partida de 40.000 euros para outros sectores especialmente afectados".
Ante isto, consideran "irracional" que Acipor pida que na ponderación das axudas se reduzca a porcentaxe da hostelería ata o 55% . "Non saímos do noso asombro, aínda máis sabendo que Acipor ten socios hostaleiros e que ademais recibe axudas de máis de 10.000 euros anuais por promocionar eventos gastronómicos", continúan denunciando os hostaleiros, "non entendemos como non solicitaron que estas axudas que eran para promocionar os devanditos eventos e que agora non poden ser destinados a tal fin, se dirixan a axudar a algúns dos seus asociados ou aos gremios máis desfavorecidos. Mesmo nós apoiariamos que destinasen algunhas destas partidas para seguir axudando a estes autónomos que tamén se viron afectados".
Neste contexto, piden a Acipor que se retracte da súas declaración públicas "facendo tamén pública a súa corrección e así evitar estes enfrontamentos que non benefician a ningún comercio" e conclúen reiterando o seu apoio a Acipor para que consigan máis axudas pero "non a conta de quitarllas aos hostaleiros, que xa bastante estamos a sufrir".