Imprimir esta páxina
Imaxe: alejopianista.wordpress.com Imaxe: alejopianista.wordpress.com
31
Enero

Alejo Amoedo recupera no seu disco unha das facetas máis descoñecidas de Reveriano Soutullo

‘Evocación’ reúne a obra para piano só do mestre de Ponteareas, un total de 20 composicións para un repertorio de música de salón

O músico Alejo Amoedo recupera no seu novo disco unha das facetas máis descoñecidas do mestre Reveriano Soutullo (1880-1932): o seu repertorio de piano de salón. Editado por Dos Acordes, coa colaboración da Secretaría Xeral de Cultura, baixo o título ‘Evocación’, o disco é froito do traballo de investigación realizado por Alejo Amoedo, que interpreta ao piano as 20 composicións que o conforman.

 

O propio pianista Alejo Amoedo presentará mañá, ás 20:00 horas, o seu traballo nunha charla-concerto que terá lugar no Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela e que será de acceso libre e gratuíto.

 

Trátase da primeira vez que se grava en CD e se comercializa a obra para piano só do compositor galego, un repertorio que se enmarca na denominada música de salón, pupularizada no século XIX e na primeira metade do XX e da que formaron parte os valses, as mazurcas, as polcas, as habaneras, as fantasías sobre temas populares de inspiración folclórica, as zarzuelas, as baladas e as elexías, entre outras.

 

O repertorio

 

O álbum recolle 20 pezas pertencentes a tres ciclos, ademais doutras independentes. As pezas que o conforman son a mazurca ‘¡Solo por ti!’, o ciclo Manón. Colección de bailes fáciles para piano (coa habanera ‘Ensueños de Manón’ e a polca ‘Las delicias de Manón)’; ‘Veira d’o mar. Melodía galega’; o ciclo En Noche de Luna. Colección de seis piezas fáciles para piano (co valse ‘Amor que nace, a habanera ‘Declaración romántica’, a polca ‘El sí de la doncella, a mazurca ‘Entrevista amorosa’, o scottish ‘¿Celos?’ e a xota ‘Idealidad’), ‘Arabesca. Capricho árabe para piano’, o ciclo En la playa. Colección de bailes fáciles para piano (cun valse, unha mazurca, unha polca, unha habanera, un fox-trot e unha xota), ‘Eclipse de luna. Waltz lento de la zarzuela La siega’, de Lorenzo Andreu e Soutullo, o valse ‘La Casta Susana’ e ‘Evocación’, valse lento para piano que lle dá título ao traballo.

 

Acompaña o disco un libreto de 36 páxinas presentado pola presidenta da Fundación Reveriano Soutullo Otero, Rosa María Arija Soutullo, e mais polo catedrático da Universidade de Santiago de Compostela Carlos Villanueva. O texto introdutorio ofrece información sobre os estudos de piano realizados polo compositor de Ponteareas e sobre a súa obra para piano, que se contextualiza na denominada música de salón. Complétase o libreto cunha descrición das pezas e unha cronoloxía vital do compositor, xunto con fotografías e imaxes inéditas.

 

Modificouse o Martes, 31 Enero 2017 14:02
Valora agora
(0 votos)