Imprimir esta páxina
30
Mayo

Confederación abre un novo expediente sancionador ao Concello de Ponteareas

O expediente ábrese por facer escolleiras e outras obras vinculadas coa restauración da senda do Tea sen a autorización administrativa da Confederación a partir da denuncia do Grupo Ecoloxista ADENCO


Esta mesma semana o Grupo Ecoloxista ADENCO recibiu a notificación da apertura dun novo expediente sancionador ao Concello de Ponteareas que se suma ao vinculado coa apertura dun novo camiño ao lado do Castro da Croa. Nesta ocasión, a partir da denuncia do propio grupo ecoloxista, a Confederación Hidrográfica decide abrir un novo expediente sancionador ao concello de Ponteareas por "ocupación sen autorización do cauce do Tea mediante dúas escolleiras en dominio público hidraúlico, causando danos, así como pola realización de obras sen autorización".

 

"As mal denominadas obras de “restauración” xa teñen producido dous expedientes sancionadores ao Concello de Ponteareas", explican os ecoloxistas, "estas sumanse ás recentes multas por incumprimento das condicións autorizadas na realización da senda ou a relativa á destrución de parte do Castro da Croa". ADENCO anuncia que se personará no procedemento e esixirá responsabilidades "ante a sorprendente realización de obras sen autorización da Confederación".

 

O grupo ecoloxista cosidera  que este é "o enésimo exemplo de como malgastar e despilfarrar os recursos económicos en tempos de crise" e de como "xerar impactos ambientais a partir da acción da administración pública". Certamente, desde a creación das sendas tense afectado aos hábitats prioritarios do espazo protexido inserido na Rede Natura 2000 e ás especies de maior interese. Estes impactos van continuar, xa que a senda do Tea, tal e como ten denunciado ADENCO en múltiples ocasións, está feita nas áreas inundables do curso fluvial, polo que cada pouco tempo as enchentes reclamarán o terreo que pertence ao río.

 

ADENCO adianta que continuará defendendo e divulgando o patrimonio ambiental e cultural existente no río Tea. Nese senso, como ten feito desde o comezo das obras no ano 2013, o Grupo Ecoloxista "denunciará calquera actuación agresiva co espazo protexido e volta esixir responsabilidades polo continuado malgasto de recursos públicos en actuacións nas áreas inundables do río Tea".

Modificouse o Martes, 30 Mayo 2017 17:21
Valora agora
(0 votos)