A Praza do Concello de Salceda de Caselas acolleu a presentación da IV Xtrema Soutelo, unha proba absoluta cronometrada composta de un percorrido de 9 km., con diversos obstáculos que se celebrará o vindeiro 1 de xullo na Parroquia de Soutelo. No acto estiveron presentes a alcaldesa accidental Loli Castiñeira e a Concelleira de Deportes Carla Pérez, que arrouparon aos representantes da organización, así como aos representantes de diversas empresas colaboradoras e patrocinadoras.
Tras o éxito acadado nas pasadas edicións, esta proba consolídase con importantes probas cada vez máis atractivas e espectaculares. Trátase dunha proba de atletismo con obstáculos naturais e artificiais, que transcorre polos montes comunais da parroquia de Soutelo. Estamos a falar dunha das primeiras probas destas características na provincia de Pontevedra, que completou as 350 prazas dispoñibles tan só uns días despois de abrir as inscricións, con xente que chegará de toda a xeografía galega e portuguesa. A proba terá lugar ás 11:00, coa entrega de dorsais aos participantes dende as 09:30 ata as 10:30 no Centro Cultural do Borralliño (Soutelo).
Fran Morais, da organización da proba, destacou os servizos cos que contan: avituallamento, zona de duchas, agasallos para os participantes… Así mesmo agradeceu a implicación do Concello e demais entidades e empresas colaboradoras “sen as cales sería totalmente imposible sacar adiante este evento”. Así mesmo, dende a organización quixeron agradecer a laboura das máis de cincuenta persoas voluntarias que traballarán arreo para que a proba volva ser un éxito como nos pasados anos.
Carla Pérez, Concelleira de Deportes, destacou a importancia da posta en marcha de iniciativas como a Xtrema Soutelo. “Soutelo ten a xente adecuada para levar a cabo este tipo de programas, e ademáis conta con unhas instalacións perfectas na Área Recreativa do Borralliño”.
Loli Castiñeira, Alcaldesa accidental, aproveitou a ocasión para felicitar aos veciños e veciñas de Soutelo pola súa capacidade de unión e de levar a cabo estes proxectos. “Coa unión dos distintos sectores, Soutelo sempre demostrou estar preparada para iniciativas de interese para veciños e visitantes”.