Imprimir esta páxina
22
Agosto

Avanzan a bo ritmo as obras de ampliación do CEP Altamira

A actuación, á que á Consellería de Cultura, Educación  Ordenación Universitaria destinou máis de 545.000 euros, centrarase na demolición da cuberta para posibilitar a ampliación do edificio existente en 297,15 metros cadrados para catro novas aulas


O delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, achegouse hoxe ata o CEP Altamira na localidade pontevedresa de  Salceda de Caselas para comprobar o estado das obras de ampliación que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria está a acometer neste centro escolar.


Na visita, acompañado por Loli Castiñeira, alcaldesa accidental, o xefe territorial da Consellería, César Pérez,  e a dirección do centro, o representante autonómico puido comprobar que os traballos avanzan a bo ritmo e segundo o calendario previsto. Esta actuación supón un investimento de 545.042 euros e ten un prazo de execución de 4 meses.


Segundo informou o delegado durante a visita, a intervención consistirá na demolición da cuberta para posibilitar a ampliación do edificio existente en 297,15 metros cadrados nos que se instalarán novos espazos destinados a aulas, cunha pasarela de comunicación co edificio principal do aulario. A ampliación suporá a creación de catro novas aulas, aseo adaptado, almacén de limpeza, escaleiras, distribuidor e pasarela.


Con 587 alumnos matriculados no pasado curso escolar, a Unidade Técnica da Xefatura Territorial valorou prioritaria esta actuación, tal e como sinalaron López-Chaves e Pérez Ares durante a visita. O CEP Altamira consta na actualidade dun edificio principal destinado a uso educativo de primaria, edificio administrativo e ximnasio.

Modificouse o Miércoles, 22 Agosto 2018 13:23
Valora agora
(0 votos)