Imprimir esta páxina
23
Agosto

O Pavillón Municipal de Salceda contará cun elevador para a zona das gradas

As instalacións carecían ata o de agora deste sistema, o cal impedía o acceso das persoas con mobilidade reducida ás bancadas destinadas ao público, aínda que si podían acceder á zona da pista deportiva


O Concello de Salceda ven de dar comezo á obra de instalación dun elevador no Pavillón Municipal de Deportes, que solucionará os problemas de accesibilidade á zona reservada para o público que existían ata o de agora. O Pavillón, ubicado na zona deportiva de Altamira, carecía ata o de agora deste sistema, o cal impedía o acceso das persoas con mobilidade reducida ás bancadas destinadas ao público, aínda que si podían acceder á zona da pista deportiva.


 O proxecto, cun orzamento de 30.699,12 €, está subvencionado con 19.006,68 € pola Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia, dentro das axudas para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalación e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais, destinadas a Concellos de Galicia para este ano 2018. Os 11.692,44 € restantes serán financiados polo Concello de Salceda con fondos propios.  


 Con esta reforma, o Concello segue na liña de eliminación de barreiras arquitectónicas nos edificios e espazos municipais, para o que se levan feito importantes esforzos nos últimos anos. Cabe lembrar que o Pavillón Municipal é empregado en horario escolar polos nenos e nenas do CEP Altamira, e fora deste horario ten unha grande actividade acollendo as Escolas Deportivas, os clubes de balonmán e baloncesto, as actividades deportivas da ANPA Altamira e outras iniciativas deportivas, polo que estamos a falar dunha infraestructura fundamental e con un alto índice de uso.

Valora agora
(0 votos)