Imprimir esta páxina
05
Noviembre

Salceda recoñecerá o traballo dos seus deportistas e clubes

Deportistas e entidades serán galardoados na I Gala do Deporte de Salceda que contará cun padriño de honra, Luis Alonso, e será conducida pola xornalista Ana Pérez


O Auditorio Municipal de Salceda de Caselas acollerá o venres 16 de novembro a primeira Gala do Deporte do municipio, na que recoñecerá o traballo dos deportistas e ás deportistas salcedenses, así como dos clubes tanto do municipio como os que non sexan de Salceda pero teñan un peso específico no Concello.


A gala contará co premio á entidade que máis colabora co deporte, ó mellor evento deportivo, a unha vida adicada ao deporte, ao equipo mellor clasificado, ao mellor adestrador ou adestradora, á mellor escola base, ao deportista masculino e feminina con maior proxección e aos deportistas masculino e feminino absolutos. Así mesmo, contémplanse diversas mencións para recoñecer a outras persoas e entidades vinculadas ao mundo do deporte.


Para elexir ás persoas e entidades galardonadas, constituíuse unha Mesa formada por representantes dos clubes deportivos do municipio, así como polas tres formacións políticas con representación no Concello de Salceda. Dita mesa reunirase mañá martes por segunda vez para elaborar xa a listaxe definitiva de galardonados e galardonadas.


A Mesa nomeou ademais ó padriño da gala, Luis Alonso, mestre xubilado de educación física polo que pasaron a inmensa maioría dos e das deportistas salcedenses, e cuia elección foi ratificada por unanimidade na primeira convocatoria da mesa.


A gala estará conducida pola xornalista da TVG, Ana Pérez, e para asistir será indispensable contar co convite de asistencia.


O Concello de Salceda pretende con esta primeira edición facer un merecido recoñecemento a tantas persoas que levan destacado no mundo do deporte e ás que, en moitas ocasións, non se lles recoñeceu o seu traballo. Salceda segue a ser berce de grandes deportistas, polo que a continuidade desta gala de seguro está garantida.

Valora agora
(0 votos)