Imprimir esta páxina
15
Julio

O Penedo Redondo mellora as súas instalacións

O Concello de Salceda iniciará nestes días as obras da primeira fase do proxecto de mellora das instalacións deportivas municipais de Penedo Redondo, ubicadas na parroquia de Parderrubias.

Nesta primeira fase contémplase a construción dunha sala de usos múltiples á que se accederá dende a fachada sur do edificio actual, na que se contará con un vestiario. Ademais crearase unha cantina con acceso dende o lateral do propio campo, xerando así percorridos diferenciados para espectadores e xogadores. Esta cantina contará ademais cun almacén e dous aseos accesibles. Por último, prevese a construción dunha pérgola metálica con cobertura de brezo para crear unha zona de sombra. O proxecto, cun orzamento de 87.688,13 €, executarase con cargo ao Plan Concellos 2018/2019.

 

O campo de fútbol do Penedo Redondo, construído no ano 2010 nos terreos da comunidade de montes de Parderrubias con un acordo de cesión de dereito de superficie ao Concello de Salceda de Caselas, conta na actualidade con máis de 250 usuarios habituais, pois acolle aos máis de 250 nenos e nenas das Escolas de Fútbol Denis Suárez, a Sociedade Deportiva de Parderrubias (equipos A e B), o equipo de fútbol 8 femenino das Escolas Deportivas de Salceda e o equipo de Veteranos do Caselas, así como os adestramentos do propio Caselas F. C.

 

As dinámicas actuais e os esforzos en ofrecerlles aos nenos e nenas as mellores instalacións, fan precisas importantes obras de reforma no campo, que con esta primeira fase se verán en parte solucionadas, a espera de seguir acometendo melloras en vindeiros anos, segundo as posibilidades do Concello.

 

Rubén González, Concelleiro de deportes, Verónica Tourón, Tenenta de Alcalde e Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda, visitaron as instalacións xunto cos encargados da empresa adxudicataria para coñecer de primeira man os últimos preparativos de cara ao comezo da obra, que terá lugar nos vindeiros días.

 

Valora agora
(0 votos)