O obxectivo da visita é a posta en marcha dun convenio de colaboración coa Escola de Fútbol Denis Suárez, no que esta participará como entidade prestadora do servizo dentro do programa CaixaProInfancia, dirixido a familias con menores en situación de pobreza e exclusión social.
O convenio xurde despois dos contactos realizados entre a escola e a fundación, nos que se puxeron de manifesto a similitude entre os valores de ámbalas dúas entidades, e foise materializando despois de diversas reunións mantidas en Vigo e Madrid.
A propia alcaldesa, Loli Castiñeira, puxo en valor o potencial de Salceda para proxectos dirixidos á infancia, tendo en conta a elevadísima taxa de natalidade do municipio (unha das máis altas de Galicia), así como a excelente ubicación pola cercanía con cidades como Tui e Vigo, e incluso con Portugal. Así mesmo, por medio do arquitecto municipal amosáronse os proxectos de ampliación das instalacións deportivas coa futura construción dun novo campo de fútbol 8 e posibilidade de novas instalacións na zona deportiva da Comunidade de Montes de Budiño, situada a pouco máis de cen metros de distancia, e incluso coa da parroquia de Soutelo, o que completaría un futuro triángulo que ofrecería novas oportunidades á comunidade deportiva de Salceda.